venres, 18 de marzo de 2016

Happy Easter Day


A sección bilingüe do noso centro educativo organizou o último venres do segundo trimestre unha xornada lúdica para festexar o Happy Easter Day

A organización da xornada viuse afectada por mor da climatoloxía, que este ano non nos quixo acompañar con bo tempo. Aínda así, as emocións e as ganas por participar e xogar non se viron minguadas. Iso si, decidimos aprazar o xogo final, que consiste na busca de ovos de pascua polo recinto escolar, e a entrega de premios para a volta das vacacións de Semana Santa.

E como xa sabedes, na nosa comunidade autónoma non hai festa que se prece que non conte cun elemento tan motivador como a gastronomía, por iso a media mañá fixemos un descanso para degustar unha exquisita rosca que se desfacía no noso padal.

luns, 14 de marzo de 2016

Excursión a Santiago

      «Rodarirrodari», Fantoches Baj en Vigo


"O tren que me leva pola beira do Miño,
me leva e me leva polo meu camiño.
O tren vai andando pasiño a pasiño
e vaime levando cara o meu destiño"



Seguro que moitos de vós coñecedes esta mítica canción de Xoán do Barro. Unha canción que leva por título "O tren" e que ven podería incluírse na banda sonora da obra de teatro que fomos ver ao Auditorio de Abanca en Santiago de Compostela.

A compañía de teatro Fantoches Baj presentounos un espectáculo musical que conta a historia do primeiro tranvía a vapor en Galicia, que unía Marín con Pontevedra. 

Ao longo do espectáculo fomos partícipes dalgunhas das cancións populares galegas máis coñecidas versionadas dende un estilo máis actual e comediante.

mércores, 9 de marzo de 2016

Día da Muller Traballadora

O día 8 de marzo está fixado no calendario escolar como o Día da Muller Traballadora. No noso colexio quixemos rendir un merecido homenaxe a todas as mulleres que día tras día se poñen a faenar por un futuro mellor. 

Son moitos os casos e as situacións: mulleres que traballan dentro e fóra da casa, mulleres que se ocupan do coidado dos máis cativos e, tamén, dos máis maiores, mulleres emprendedoras, mulleres con dupla ou tripla xornada laboral,... pero ao fin e ao cabo con un nexo en común: mulleres loitadoras.