
Moito se fala do Entroido de Laza, Verín e Ourense... e que nos dicides do que celebramos nós no Pavillón Municipal de Baño? Nada que cobizar! Sen dúbida, un festival de cores, texturas, retrincos, música e uns cantos pasiños de baile que ben poderemos poñer en práctica nas múltiples festas que se celebran durante estes días en toda a Comunidade acompañados dun bo cocido ou dunhas filloas recheas co característico fume da lareira...
Como vimos anticipando estes días, o primeiro venres do mes de febreiro festexamos no Pavillón Municipal de Baño o Festival de Entroido que deu comezo pasadas as 12:00h.
Antes de dar inicio ás diferentes actuacións preparadas por niveis ou clases vivimos momentos de tensión, nervios e emoción. Amosámosvos as fotografías tomadas nas aulas antes de acudir ao Pavillón e saír á escena.
Como xa sabedes este curso escolar o centro educativo elixiu como temática para traballar ao longo do curso o mar. O 2º nivel de educación primaria decidiu focalizar esta temática dándolle forma aos disfraces de mariñeiros/as. Para iso, preparamos un baile acompañado dunha canción que leva por título "Marinero, marinero" do grupo arxentino Parchís. Podedes ver o vídeo da actuación a continuación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario